25/5/09

Proxecto de Inmersión Lingüística 21-22 maio 2009


O alumnado do primeiro ciclo da ESO vén de facer unha viaxe de dous días á cidade da Coruña no marco do Proxecto de Inmersión Lingüística organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e o Departamento de Actividades Complementarias Extraescolares. Magnífica a visita á Coruña e o resto de actividades organizadas polo IES Agra do Orzán (A Coruña), a quen agradecemos a boa acollida e mandamos un saúdo.

21/5/09

Deseño de vivendas unifamiliares

Actividade: Deseño de Vivendas unifamiliares.
Alumnado: 4º ESO Educación Plástica Visual.
Profesor coordinador: José P. Fouz Hernández.

O traballo proposto tivo varias fases:

1.- Deseño da distribución en duas plantas. Cálculo de escaleiras (nº peldaños, pasos e tabicas).
Escala 1:50. Debuxo 50 veces mais pequeno ca realidade.
Planta baixa: Salón-comedor, cociña, baño, habitación, despensa, tendedeiro. Planta superior: 2-3 habitacions con armario, vestidor, baño, biblioteca ou sala xogos. Escaleira 2 tramos.
Planta en rectángulo, en L... Balcón ou galeria.

2.- Vistas exteriores a escala 1:100, con vista de frente ou ALZADO, lateral ou PERFIL e dende arriba ou PLANTA.
Cálculo de tellado a 4 augas. 2 trapecios e 2 triángulos. Obter altura do trapecio do perfil, e bases do alzado ou planta.


3.- Construir unha maqueta a escala 1:50.
Ventás e porta correspondense cos planos previos..
Materiais: cartón pluma e cartón reciclado para base de paredes e tellado. Madeira, pedra...
A cuberta do tellado ten diversas solucións: lousas individuais con cartulina, ou mesmo lousas a escala, moi traballadas; cartón ondulado, de cor laranxa, imitando tellas; espaguetis...
Paredes de cartulina, fotos impresas de paredes de pedra, ou pedra cortada.
Detalles en ventás, textura paredes, esquinas, tellados.
Enerxías renovables: Paneis solares fotovoltaicos e/ou térmicos, no tellado ou parcela.
Detalles exteriores: personalizado con imaxinación. Mesas, columpios, pistas deporte, camiños, piscina, garaxe, valados, xardín, antena, buzón, canalóns, pozo, chemineas... Horta, céspede, árbores, parra, rocha...

Os participantes nesta actividade amosaron interese e esforzo, que se viu recompensado co orgullo sentido polo seu traballo.

Se queredes ver todos os deseños facede clic aquí.

20/5/09

LETRAS GALEGAS 2009

Aquí tedes unha reportaxe fotográfica elaborada polo profesorado do instituto o día 18 durante a celebración do Día das Letras Galegas. O noso salón de actos encheuse de alumnado para compartirmos unha serie de actividades pensadas para homenaxear a Ramón Piñeiro. Contamos cun nutrido grupo de presentadores do acto de 4º ESO que ían dando paso aos distintos bloques. Comezamos cunha obra de teatro magnificamente representada por alumnas de 1º BAC. A continuación proxectouse o vídeo sobre Ramón Piñeiro enviado por Política Lingüística. O acto rematou co recital poético dun grupo de alumnos e alumnas de 1º ESO. Ademais, entre actividade e actividade, puidemos gozar da escoita de diferentes temas interpretados pola nosa particular banda de gaitas que deleitou a toda a concorrencia.Agradecemos o esforzo dos diferentes profes e alumnos que traballaron arreo para que todo saíse como saíu e agradecemos tamén o voso comportamento como público que nos estimula para seguírmonos esforzando..

Por Montse Rey Saa.

PROXECTO TERRA

Os pasados 16 e 17 de abril os alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO cruzaron Galicia nunha viaxe enmarcada dentro do Proxecto Terra. Viaxe pola ría de Ferrol, visita ó Castelo de San Felipe, paseo pola zona vella da cidade, pernocta no albergue Albarella, ecoloxía, paseo polas Fragas do Eume... Xa vedes, unha viaxe completa. Mira todas as fotos facendo click aquí.

28/4/09

VISITA EXPOSICION ASTRONOMIA, A Rúa 27/04/09

Os dous grupos de PDC do centro desfrutaron, o pasado luns 27/04/09, dunha interesante exposición no Colexio Pablo VI de A Rúa (Ourense), organizada por ser 2009 o ano da Astronomía e conmemorarse o 40º aniversario da chegada do ser humano ó noso satélite. Unha emocionante viaxe dende o exterior máis lonxano do universo ó noso propio interior, perfectamente narrada polos nosos guías Jose e Carlos, profesores no colexio rués.
Destacados: unha recreación do módulo do Apolo 11 que se pousou na Lúa no ano 1969 feito todo él con material reciclado e a viaxe por nós mesmos a través da obra "O Principiño", representada por compañeiros de 3º e 4º (ver todas as fotos).
"Na visita á Rúa fomos ver un museo adicado ó universo. Alí explicáronnos que tipos de galaxias hai, planetas, astros... Resultoume todo moi interesante, pero o que máis me gustou foi unha "máquina" que tiñan alí, representación de parte do Apollo 11 nave coa que chegou o primeiro home á lúa. Despois estivemos vendo uns vídeos; un deles falaba do Principiño, mesmo nos pediron colaboración a uns cantos para as personaxes. Ó acabar a representación (logo de quitar a vanidade, as ansias de poder... miramos no baúl baleiro, onde estaba o realmente importante. Só quedaba un espello; con isto intentáronnos dicir que o importante somos nós e o que temos dentro".
Crónica de Tamara Jiménez Jiménez, de 4º ESO A.

23/4/09

VIAXE TEMATICA A MADRID (BACHARELATO) DO 01 Ó 03 DE ABRIL DE 2009

Pronto teredes máis novas de toda a viaxe. Polo de pronto, un adianto da man de Monse Ulloa.

17/3/09

TORRE - DOMUS - ACUARIO, A Coruña 14/11/2008

Subimos ó autobús ás 8:30 h. “O autobús é enorme (Julio)!” O certo é que eramos case corenta. Saímos cara á Coruña os dous grupos de 3º, 4º A e PCPI. Despois dunha pequena parada técnica en Guitiriz chegamos ó noso destino sen contratempos.

Xa na cidade, fixemos unha fila india, igualiño que os nenos para non perderse, e dirixímonos á Torre de Hércules. “Que fermoso está o mar (Julio)!” Logo de subir uns cantos pedaños (Daniel Borrajo dixo que serían uns 400), chegamos a unha estancia onde nos contaron a historia da torre. Xa choveu. “Coidado os que ides detrás na baixada, que nós xa demos coa cabeza no teito (Daniel e Julio, os altos)”.
Un par de horas antes de xantar e un par de horas despois estivemos na Domus. Gustounos todo, pero chamounos especialmente a atención “a máquina de ondas cerebrais (Daniel)” e “o video do parto en directo (Julio)”. E tamén a máquina de bocatas!! Que rapidez!!

Rematamos a visita á cidade no Acuarium Finisterrae. “Que medo daban as quenllas (Julio)”. “E cantos peixes había e non tropezaban uns con outros (Daniel)”. “E mira que aproveitados os paxaros comendo a comida das focas (Julio)”.

Despois de aplaudir a un cantante ocasional fóra do acuario, puxemos rumbo a Viana (mira as fotos).

Por Daniel e Julio, de 3º A.

FÓRUM ORIENTA - A Coruña 13/02/09

O día 13 de Febreiro do 2009, os rapaces e rapazas de 1º e 2º de bacharelato do I.E.S Carlos Casares internámonos nunha intrepidante aventura: levantarnos ás 7 da mañá despois dun largo día (e noite) de Compadres en Viana. Obxectivo: FÓRUM ORIENTA. Lugar: A Coruña. Quedábanos unha boa viaxe por diante!(viaxe que, por certo, un 50% aproveitou para durmir!!).
Despois de dar uns cantos rodeos(jeje), chegamos ao noso destino arredor das 11 (da noite. Que nooon, da mañá!). O autobús deixounos xusto no lugar da “concentración”, onde xa nos esperaba Carlitos, impaciente.

En canto entramos ao recinto, unhas rapazas moi “majas” déronnos unha bolsiña co lema “DA O SALTO” e cun plan de actividades, unha libretiña.....etc. dentro; e, ao alzar a vista....buf!! -Este sitio está plagado de xente-foi, seguramente, o que pensamos todos; e non nos enganabamos, xa que alí había rapaces, rapazas e mestres de institutos de toda Galiza!

O fórum estaba dividido en dúas metades: a primeira relacionada con estudos universitarios, e, a segunda, destinada á Formación Profesional. Na parte de estudos universitarios puidemos atopar dende mesas cheas de boletíns informativos, até un boneco de primeiros auxilios! Había mesiñas e papeis por tódolos lados, ademais de amables monitores/as e orientadores/as animándonos a coller información e dispostos a resolver as nosas dúbidas. As mesiñas clasificábanse segundo as universidades. Así, nunha zona podías informarte de tódalas carreiras dispoñibles na USC (Universidade de Santiago de Compostela), noutra, das da UDC (Universidade Da Coruña), e, noutra distinta, das da UVIGO (Universidade de Vigo).

Na zona de Formación Profesional, pola contra, había máis “acción”. Mentres recorremos toda a exposición, puidemos ver unha gran cantidade de demostracións relacionadas cos distintos estudos que se poden facer en FP: un escenario a modo de sala de informativos, todo un salón de beleza (con perruqueiras, masaxistas e esteticiéns), unha pasarela con pezas de roupa de deseño...e até un coche feito pezas!!

Cara ás 12:30, fomos a unha charla orientativa sobre as PAAU (probas de selectividade), que, penso, nos resultou moi interesante a todos; pois explicáronnos cómo se realizan as probas, os distintos procesos para inscribirse, cómo cubri-la matrícula da universidade, ou cómo recurrir, se é o caso, a nota dun exame. Tamén nos deron obxectos de moita utilidade, como as direccións das páinas web das distintas universidades para obter toda a información que precisemos, e un CD con exames das PAAU de anos anteriores coas súas solucións.Vaia, toda unha axuda!!

Cara ao mediodía, tomamos un pequeno descanso para ir comer e botar un ollo por alí, para despois voltar ao recinto; aínda que esta segunda ronda de tarde foi moito máis relaxada. De feito, pasamos as dúas últimas horas xogando ao badminton, observando a incribles malabaristas (mira que tiñan maña eh!) e incluso houbo algunha que outra que se atreveu a probar cuns zancos de metal e dar un pequeno paseo con eles!! E é que a esas horas da tarde, despois de toda unha mañá paticando polo recinto...quén non estaría canso?

Xa para rematar a xornada, subimos de novo ao autobús, e puxémoslle ao GPS dirección Viana. Para cando chegamos, todos tiñamos unha única idea na mente: DURMIR!! Eso sí, a viaxe de volta, por suposto, estivo animada!! Se é que os de Bacharelato somos os mellores, non hai voltas que darlle!! (mira as fotos).

Por Olalla González Domínguez, de 1º BAC